0 Cesta 0,00 €

SU CESTA ESTÁ VACÍA

Agrégale productos. ¡Consulte nuestra amplia gama de productos!

A nosa historia

Rematando o verán do 1988 chegaba a As Pontes un curso de formación de monitores de rugby. Unha ducia de mozos asistían a unha formación que contou coa sorpresa de que se sumaron algúns nenos e nenas que non contaban coa idade para acceder ao curso, pero participaron das actividades  durante as dúas fins de semana. Unha vez rematado o curso ese grupo de nenos solicitou que os novos monitores seguisen a achegalos ao deporte que viñan de descubrir. Un pequeno grupo púxose mans á obra e co inicio das clases atopouse xa cunha vintena de nenos cos que adestrar. Ao ano seguinte, no 1989, fundouse un clube para poder participar das actividades da incipiente Federación Galega de Rugby. O Clube adoptou o nome de CR Fendetestas tal e como foi escollido polos seus primeiros e novos integrantes, tamén responsables da elección das cores, verde con vermello facendo alusión á bandeira da vila.

 

Os primeiros en xogar foron alevíns e infantís, cun número de practicantes que medraba máis cada vez. Comezaron tamén os adestramentos para senior e nun par de anos contouse cun equipo nesa categoría, que se sumou a benxamíns, alevíns e infantís. O seguinte paso foi a incorporación das rapazas, que contaban cun plantel moi novo pero competiron en categoría absoluta ao non haber categorías de base. Naquel equipo que chegou a quedar décimo nun campionato de España había rapazas dende os 14 anos. Os xuvenís e junior foron as seguintes categorías en sumarse, flutuando as diferentes categorías que se podían presentar cada ano.

 

Foron anos de acoller a xogadores e xogadoras de Ferrolterra, que se xuntaban coa camisola verde para facer da canteira pontesa unha das sobranceiras, con aportacións a seleccións galegas e mesmo nalgún caso á española. Polo camiño sumáronse dúas Copas Deputación e unha Copa Xunta nos equipos de base.

 

O despegue do rugby galego colleunos cunhas carencias estruturais e de medios que fixeron que resultase moi difícil manterse cada ano, mesmo tendo que trasladarnos a xogar fóra da vila. Pero sempre houbo rugby en As Pontes nas tres últimas décadas. Ben fosen o equipo feminino ou o masculino absoluto, sempre un seguiu saíndo cada nova tempada. Mesmo o equipo senior masculino chegou a disputar unha tempada na primeira estatal, o que supuxo contar con equipo B, e a acadar unhas semifinais da Copa Xunta absoluta.

 

Actualmente o CR Fendetestas ven de recuperar o capítulo formativo cunha Escola que participa das concentracións que organiza a Federación Galega de Rugby e unha Academia na que se forman os xogadores e xogadoras chamados a nutrir os primeiros planteis. Os anos pasaron e os tempos cambiaron, pero os obxectivos permanecen intactos.

 

 

 

Formar persoas en valores a través do deporte.

 

Que a aposta por comPEtir nunca eclipse á firme aposta por comPARtir.