REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
CAPÍTULO I: O CLUBE
Artigo 1.- Definición
O Clube Rugby Fendetestas (en adiante, CR Fendetestas), réxese no seu funcionamento pola Lei do Deporte, polas normativas da Federación Galega de Rugby e da Federación Española de Rugby, polas Leis do rugby de World Rugby e polos seus propios Estatutos e, no apartado deportivo, polo presente Regulamento de Réxime Interno (en adiante, RRI).
Artigo 2.- Obxecto
2.1. Establécese dentro dos obxectivos do Clube a formación integral dos xogadores e xogadoras, tanto deportiva como persoalmente, fomentando a educación en valores e o cumprimento das leis do rugby, tanto en adestramentos como en partidos e actividades que formen parte da programación do CR Fendetestas.
2.2. Os valores que promove o Clube son o respecto, o compañeirismo, a igualdade, a superación, a deportividade, o benestar, a constancia, a iniciativa e a diversión.
2.3. Todas as persoas que formen parte do Clube comprométense a coñecer, cumprir e facer cumprir o presente regulamento.
2.4. Este regulamento poderá ser modificado previa proposta por escrito por parte de calquera persoa que forme parte do Clube e coa aprobación da Asemblea Xeral de persoas asociadas.
Artigo 3.- Obxectivo
3.1. Este regulamento pretende ser unha guía de funcionamento para o CR Fendetestas, que garanta a fidelidade ás leis e principios do rugby.
Artigo 4.- Integrantes do Clube
4.1. Son consideradas persoas integrantes do Clube as seguintes:
- Xogadores e xogadoras de todas as categorías
- Corpo técnico, voluntariado e dirección técnica
- Familiares e representantes legais
- Persoas asociadas
CAPÍTULO II: OS XOGADORES E XOGADORAS
Artigo 5.- Deberes
5.1. Son deberes dos xogadores e xogadoras do CR Fendetestas os seguintes:
- Respectar a todas as persoas que forman o Clube, ás persoas dos equipos rivais, aos árbitros e ao público, tanto dentro como fóra do terreo de xogo, en partidos, adestramentos ou calquera outra actividade na que o xogador ou xogadora represente ao Clube.
- Coñecer e respectar as regras de xogo, tanto as oficiais coma as morais (pasillo ao final do partidos, terceiro tempo...)
- Informar e xustificar as ausencias ou as faltas de puntualidade, tanto a adestramentos como a partidos, ante o corpo técnico correspondente.
- Coidar e protexer o material do Clube e as instalacións deportivas.
Artigo 6.- Dereitos
6.1. Todas as e os deportistas do CR Fendetestas ostentan os seguintes dereitos:
- Recibir unha formación que asegure o desenvolvemento das súas aptitudes como xogador/a de rugby e a súa educación en valores.
- Ser respectado/a no relacionado á súa integridade física, moral e dignidade persoal, non podendo ser obxecto de vexacións físicas ou morais.
- Participar no funcionamento do Clube nos termos que se determinen.
- Presentar ante a Dirección Técnica ou a Xunta Directiva aquelas alegacións, peticións ou denuncias que consideren pertinentes.
- Ser tratado/a de forma igualitaria, sen ningún tipo de discriminación por razóns que vaian en contra dos dereitos humanos.
- Ser escoitados/as de xeito previo á adopción de medidas disciplinarias na súa contra, e a ser informados/as dos feitos que dean lugar a tales medidas.
Artigo 7.- O Capitán ou Capitá
7.1 Nos equipos sénior e na Academia, cada equipo designará tres capitáns ou capitás para a tempada. Estas persoas serán escollidas polo corpo técnico e o equipo votará a orde para exercer a capitanía.
7.2. Na Escola, a capitanía terá unha duración determinada polo corpo técnico, e a figura do capitán/á será escollida polos xogadores e xogadoras nos adestramentos, baixo criterios relacionados co seguimento dos valores indicados no artigo 2.2.
7.3. O corpo técnico de cada equipo pode decidir retirar a capitanía en calquera momento por non cumprir de forma adecuada coas súas funcións ou por incumprir o presente RRI.
7.4. As funcións de capitán/á son as seguintes:
- Ser enlace entre o corpo técnico e os seus compañeiros e compañeiras de equipo e, á súa vez, ser portavoz destes.
- Dar exemplo de comportamento, dedicación, esforzo e actitude, tanto nos adestramentos como nos partidos, ou en calquera actividade na que participe o equipo.
CAPÍTULO III: O CORPO TÉCNICO, O VOLUNTARIADO E A DIRECCIÓN TÉCNICA
Artigo 8.- Os adestradores e adestradoras
8.1. As funcións dos adestradores e adestradoras son as seguintes:
- Dirixir os adestramentos e partidos do seu equipo.
- Coñecer e velar polo cumprimento deste RRI.
- Manter a disciplina do grupo dentro e fóra do Club, nas actividades, adestramentos, partidos ou actos nos que participe o seu equipo.
- Manter e responder polo material a disposición do seu equipo.
- Manter as instalacións e material común en perfecto estado.
- Ter unha comunicación fluída coa Dirección Técnica e a Xunta Directiva no relacionado á evolución deportiva e persoal dos xogadores e xogadoras.
Artigo 9.- Os delegados e delegadas
9.1. Son funcións dos delegados ou delegadas as seguintes:
- Colaborar activamente coas funcións dos adestradores e adestradoras.
- Representar ao equipo nos partidos, sendo enlace entre adestrador/a, equipo contrario e árbitro.
- Custodiar as fichas e a documentación do seu equipo.
Artigo 10.- O Voluntariado
10.1. Todas as persoas que colaboren de forma voluntaria deben cumprir co presente RRI, así como coas indicacións dadas pola persoa coordinadora das súas funcións.
Artigo 11.- A Dirección Técnica
11.1. Depende directamente da Xunta Directiva. As súas funcións son:
- Ser enlace entre o corpo técnico do Clube e a Xunta Directiva.
- Informar á Xunta Directiva dos asuntos deportivos relacionados co Clube.
- Planificar as actividades de promoción e captación do Clube.
- Planificar e programar actividades e competicións para os diferentes equipos do Clube.
- Velar polo cumprimento activo do presente RRI.
CAPÍTULO IV: AS FAMILIAS E REPRESENTANTES LEGAIS
Artigo 12.- Compromiso das familias e representantes legais
12.1. A participación dun ou dunha deportista no CR Fendetestas implica o recoñecemento e o compromiso de cumprimento por parte de pais, nais e representantes legais, do presente RRI e demais normativas, así como a colaboración para que os seus fillos e fillas o cumpran.
Artigo 13.- Deberes das familias e representantes legais
13.1. Son deberes das familias e representantes legais os seguintes:
- Respectar o traballo e as decisións do corpo técnico no desenvolvemento das súas funcións.
- Motivar aos seus fillos e fillas para que acudan con asiduidade, puntualidade e co material necesario a partidos, adestramentos e demais actividades organizadas polo Clube.
- Non entrar no campo de adestramento/partido, a non ser por causa de forza maior, antes, durante nin despois do adestramento/partido sen permiso do corpo técnico.
- Realizar consultas ao corpo técnico só fóra do horario de adestramento/partido.
- Absterse de aconsellar ou recomendar nos adestramentos ou partidos sobre accións que sexan de competencia exclusiva do corpo técnico.
- Asistir ás reunións convocadas polo corpo técnico ou por órganos superiores do Clube.
- Empregar as vías establecidas polo Clube para facer chegar as opinións, suxerencias ou críticas sobre calquera cuestión relacionada co Clube.
- Respectar ao corpo técnico e a xogadores e xogadoras (tanto do equipo propio coma do rival), ao árbitro e ao resto de público, evitando en todo momento actitudes que xeren tensión ou violencia.
CAPÍTULO V: AS PERSOAS ASOCIADAS
Artigo 14.- As persoas asociadas
14.1. Son persoas asociadas todas aquelas que cumpran os requisitos establecidos polos Estatutos do Clube. Todas as persoas asociadas deben cumprir co presente RRI.
CAPÍTULO VI: O RÉXIME DISCIPLINARIO
Artigo 15.- Tipos de faltas
15.1. As faltas clasifícanse en leves, graves ou moi graves, e varían segundo o rol da persoa infractora.
Artigo 14.- Faltas dos/das deportistas
14.1. Faltas leves:
- Chegar tarde aos adestramentos, partidos ou actividades sen xustificación.
- Insultar a compañeiros/as.
- Promover ou provocar discusións con compañeiros/as.
- Faltar ao respecto a compañeiros/as.
- Retirarse do adestramentos sen consentimento do corpo técnico.
- Usar de xeito indebido e reiterado o material do Clube.
- Ter falta de actitude nos adestramentos.
- Calquera falta similar que a Xunta Directiva estime como tal.
16.2. Faltas graves:
- Calquera reiteración de Falta Leve.
- Faltar a unha convocatoria de partido sen causa xustificada.
- Discutir de xeito grave co corpo técnico, compañeiros/as, rivais, árbitros ou público.
- Causar danos materiais ou nas instalacións, xa sexan do Clube ou alleas.
- Calquera falta similar que a Xunta Directiva estime como tal.
16.3. Faltas moi graves:
- Calquera reiteración de Falta Grave.
- Facer manifestacións públicas de desprezo, insulto ou vexación cara o Clube ou calquera persoa que forma parte del.
- Provocar ou participar en riñas ou pelexas con calquera persoa que forme parte do Clube.
- Provocar ou participar en riñas ou pelexas con outros equipos, árbitro ou público.
- Inculcar actividades violentas aos compañeiros e compañeiras.
- Calquera falta similar que a Xunta Directiva estime como tal.
Artigo 17.- Faltas do corpo técnico
17.1. Faltas leves:
- As establecidas como leves para os/as deportistas, cando sexan de aplicación.
17.2. Faltas graves:
- As establecidas como graves para os/as deportistas, cando sexan de aplicación.
17.3. Faltas moi graves:
- O abuso de autoridade cos/as deportistas.
- As establecidas como moi graves para os/as deportistas, cando sexan de aplicación.
Artigo 18.- Faltas das persoas directivas, do voluntariado e da dirección técnica
18.1. Faltas leves:
- O retraso na execución, na súa área deportiva, das tarefas ou xestións que son da súa responsabilidade.
- As establecidas como leves para os/as deportistas, cando sexan de aplicación.
18.2. Faltas graves:
- O retraso reiterado na execución, na súa área deportiva, das tarefas ou xestións que son da súa responsabilidade.
- As establecidas como graves para os/as deportistas, cando sexan de aplicación.
18.3. Faltas moi graves:
- O incumprimento na execución, na súa área deportiva, das tarefas ou xestións que son da súa responsabilidade.
- As establecidas como moi graves para os/as deportistas e corpo técnico, cando sexan de aplicación.
Artigo 19.- Faltas das/os familiares e representantes legais
19.1. Faltas leves:
- Promover ou provocar discusións con outras persoas que forman parte do Clube.
- Faltar ao respecto a outras persoas que forman parte do Clube.
- Usar de xeito indebido e reiterado o material do Clube.
- Calquera falta similar que a Xunta Directiva estime como tal.
19.2. Faltas graves:
- Calquera reiteración de Falta Leve.
- Discutir de xeito grave co corpo técnico, compañeiros/as, rivais, árbitros ou público.
- Causar danos materiais ou nas instalacións, xa sexan do Clube ou alleas.
- Calquera falta similar que a Xunta Directiva estime como tal.
19.3. Faltas moi graves:
- Calquera reiteración de Falta Grave.
- Facer manifestacións públicas de desprezo, insulto ou vexación cara o Clube ou calquera persoa que forma parte del.
- Provocar ou participar en riñas ou pelexas con calquera persoa que forme parte do Clube.
- Provocar ou participar en riñas ou pelexas con outros equipos, árbitro ou público.
- Inculcar actividades violentas a outras persoas que formen parte do Clube.
- Calquera falta similar que a Xunta Directiva estime como tal.
Ademais das presentes faltas, a nivel deportivo teranse en conta as Leis do rugby de World Rugby respecto ás infraccións á normativa deste deporte (especialmente a Lei 9 – Xogo sucio), así como os regulamentos da Federación Galega de Rugby e da Federación Española de Rugby que sexan de aplicación.
CAPÍTULO VII: A POTESTADE SANCIONADORA E AS SANCIÓNS
Artigo 20.- Potestade sancionadora
20.1. A potestade sancionadora corresponde á Xunta Directiva, aínda que pode crearse un Comité de Disciplina específico para esta función, sempre que sexa proposto pola Xunta Directiva e aprobado pola Asemblea Xeral.
20.2. A Xunta Directiva publicará con periodicidade mensual as infraccións e sancións no grupo do equipo correspondente.
Artigo 21.- Gradación das sancións
21.1. As sancións que se interpoñerán están relacionadas co tipo de falta cometida.
21.2. Faltas leves:
- Amoestación verbal
- Amoestación escrita
- No caso de xogadores/as e corpo técnico, poderán ter adestramento/partido de suspensión.
A partir da terceira falta leve (incluída), considerarase falta grave, sempre que non fosen canceladas como se dispón no apartado 21.7.
21.3. Faltas graves:
- Suspensión dos dereitos recollidos neste RRI, por un período de 15 días a 3 meses.
A partir da terceira falta grave (incluída), considerarase falta moi grave, sempre que non fosen canceladas como se dispón no apartado 21.7.
21.4. Falta moi grave:
- Suspensión dos dereitos recollidos neste RRI, por un período de 3 días a 12 meses.
- A acumulación de tres sancións moi graves (incluídas) conleva a sanción de expulsión do Clube.
21.5. As sancións impostas poden ser recorridas por escrito á Xunta Directiva. Á vista das alegacións, a Xunta Directiva confirmará, modificará ou revocará a sanción.
21.6. As sancións impostas serán recollidas no expediente persoal de cada persoa que forme parte do Clube.
21.7. As anotacións de sancións quedarán canceladas:
- Faltas leves: 6 meses despois do seu cumprimento
- Faltas graves: 1 ano despois do seu cumprimento
- Faltas moi graves: 3 anos despois do seu cumprimento
- Expulsión do Clube: 10 anos despois de ser imposta
CAPÍTULO VIII: A VIXENCIA
Artigo 22.- Vixencia
22.1. O presente RRI ten vixencia desde a súa aprobación pola Asemblea Xeral Ordinaria correspondente ao ano 2022.
En As Pontes de García Rodríguez, a 25 de maio de 2022.
O Presidente,
Antonio M. Ferreiro Romero
Podes descargar o Regulamento de Réxime Interno do CR Fendetestas aquí.