Os nosos Estatutos
ESTATUTOS CR FENDETESTAS
5 de outubro de 2020
CAPÍTULO I: NORMAS XERAIS
Artigo 1.- Definición
1.1. O Clube de Rugby Fendetestas (en adiante, CR Fendetestas) é unha asociación privada con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas ou xurídicas, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia.
1.2. O CR Fendetestas practicará como principal modalidade deportiva o rugby, e solicitará a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de conformidade coa Lei 2/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.
Artigo 2.- Fins
Os fins principais do CR Fendetestas son:
2.1. O fomento e o desenvolvemento do rugby en todas as súas categorías, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.
2.2. O fomento dunha práctica deportiva segura, sostible, inclusiva, accesible, con perspectiva de xénero e de calidade.
2.3. A participación do CR Fendetestas nas actividades da comunidade co obxectivo da achegar o rugby a todas as persoas, independentemente do seu sexo, identidade de xénero, orientación sexual, idade, discapacidade, idioma, relixión ou orixe étnico ou racial.
Artigo 3.- Domicilio e datos de contacto
3.1. O domicilio social do CR Fendetestas fíxase na Rúa Pablo Picasso, 5, baixo, sito en As Pontes de García Rodríguez, 15320 (A Coruña).
3.2. O número de teléfono de contacto é o seguinte: 629 58 45 23.
3.3. O correo electrónico de contacto é o seguinte: crfendetestas@gmail.com.
3.4. A Presidencia, cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral Extraordinaria.
3.5. En ambos casos, o traslado do domicilio social non implicará modificación estatutaria, e terá que ser notificada ás persoas asociadas e ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
CAPÍTULO II: PERSOAS ASOCIADAS
Artigo 4.- Número de persoas asociadas
4.1. O número de persoas asociadas será ilimitado. A Asemblea Xeral poderá suspender, non obstante, a admisión de novas persoas asociadas cando así o esixan razóns de aforo, capacidade física das instalacións ou capacidade organizativa do Clube.
Artigo 5.- Requisitos para asociarse
5.1. Calquera persoa maior de idade con capacidade de obrar e que satisfaga a cota social establecida pola Asemblea Xeral pode facerse socia do CR Fendetestas.
Artigo 6.- Clases de persoas asociadas
Haberá as seguintes clases de persoas asociadas:
6.1. Persoas asociadas simpatizantes: son aquelas persoas que non forman parte de xeito directo do CR Fendetestas, pero están interesadas na súa actividade e están ao corrente de pago da súa cota anual.
6.2. Persoas asociadas familiares: son aquelas persoas que, sendo maiores de idade, teñen licencia federativa co CR Fendetestas en categoría sénior masculina ou feminina e están ao corrente de pago da cota anual. En caso de menores de idade con licencia federativa no CR Fendetestas, será persoa asociada familiar un/ha representante (pai, nai, titor/a legal) do xogador ou xogadora. Tamén poden asociarse nesta categoría persoas que foron xogadores ou xogadoras do Clube, ou que manteñen un vínculo especial con el, sen necesidade de ter licencia federativa no momento da alta.
6.3. Persoas asociadas colaboradoras: son aquelas persoas que, sendo maiores de idade, teñan un especial interese por colaborar co CR Fendetestas e están ao corrente de pago da cota anual.
Artigo 7.- Causas de perda da condición de persoa asociada
Perderase a condición de persoa asociada por calquera das seguintes causas:
7.1. Renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva.
7.2. Por incumprimento das obrigas ou doutra natureza derivada destes Estatutos e, en especial, cando non se satisfixo a cota establecida ao remate do prazo determinado, previa reclamación fidedigna da mesma.
7.3. Por expulsión, mediante decisión da Asemblea Xeral, ao producirse unha infracción moi grave, de acordo ao previsto regulamentariamente.
Artigo 8.- Dereitos das persoas asociadas
As persoas asociadas, segundo a súa clase, teñen os seguintes dereitos:
8.1. Dereitos das persoas asociadas simpatizantes:
a) Recibir información das actividades e demais accións realizadas polo CR Fendetestas.
b) Participar nas actividades que organice o Clube e en calquera outra que colabore, nas condicións que se determinaran.
c) Acceder ao Local Social, se o houbese.
d) Acceder á plataforma virtual.
e) Posuír un carné dixital personalizado do CR Fendetestas.
8.2. Dereitos das persoas asociadas familiares:
a) Recibir información das actividades e demais accións realizadas polo CR Fendetestas.
b) Participar nas actividades que organice o Clube e en calquera outra que colabore, nas condicións que se determinaran.
c) Realizar propostas, suxestións ou queixas ante a Xunta Directiva, para o mellor cumprimento dos fins do Clube.
d) Acceder ao Local Social, se o houbese.
e) Acceder á plataforma virtual.
f) Posuír un carné dixital personalizado do CR Fendetestas.
g) Desfrutar de descontos a través das entidades patrocinadoras.
h) Asistir á Asemblea Xeral, con voz pero sen voto.
8.3. Dereitos das persoas asociadas colaboradoras:
a) Recibir información das actividades e demais accións realizadas polo CR Fendetestas.
b) Participar nas actividades que organice o Clube e en calquera outra que colabore, nas condicións que se determinaran.
c) Realizar propostas, suxestións ou reclamacións ante a Xunta Directiva, para o mellor cumprimento dos fins do Clube.
d) Acceder ao Local Social, se o houbese.
e) Acceder á plataforma virtual.
f) Posuír un carné dixital personalizado do CR Fendetestas.
g) Desfrutar de descontos a través das entidades patrocinadoras.
h) Asistir á Asemblea Xeral, con voz e voto.
i) Elixir e ser elixido/a membro da Xunta Directiva.
Artigo 9.- Deberes das persoas asociadas
As persoas asociadas teñen as seguintes obrigas:
a) Asumir os fins do Clube e contribuír á súa consecución.
b) Pagar as cotas, derramas e outras apartacións que correspondan segundo a clase de persoa asociada.
c) Cumprir o resto de obrigas que resulten das disposicións estatuarias e regulamentarias.
d) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e a Presidencia.
CAPÍTULO III: ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO
Artigo 10.- Definición dos órganos de representación e goberno
10.1. Son órganos de representación e goberno do Clube a Asamblea Xeral, a Xunta Directiva e a Presidencia.
CAPÍTULO IV: A ASEMBLEA XERAL
Artigo 11.- Natureza da Asemblea Xeral
11.1. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno do CR Fendetestas e estará integrada por todas as persoas asociadas colaboradoras (con voz e voto) e familiares (con voz, sen voto).
Artigo 12.- Reunións da Asemblea Xeral
12.1. As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. As ordinarias celebraranse unha vez ao ano, polo menos, e as extraordinarias nos supostos previstos pola lei e, en todo caso, mediante convocatoria da Presidencia a iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou cando o solicite por escrito, polo menos, o 25% das persoas asociadas colaboradoras.
Artigo 13.- Convocatorias da Asemblea Xeral
13.1. As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, faranse por escrito a través de correo ordinario ou calquera outro medio virtual ou telemático, expresando o lugar ou, no seu caso, o medio dixital, o día e a hora da reunión, así como a orde do día.
13.1. As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría das persoas asociadas colaboradoras. En segunda e última convocatoria, media hora máis tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de persoas asociadas colaboradoras presentes. Entre a data da convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terá que mediar, como mínimo, dez días naturais e non poderán transcorrer máis de vinte.
Artigo 14.- Acordos da Asemblea Xeral
14.1. Os acordos tomaranse por maioría simple de votos das persoas asociadas colaboradoras, xa sexa de maneira presencial ou dixital, agás nos supostos de modificación de Estatutos, disolución do Clube, disposición ou alleamento de bens, nos que será necesaria unha maioría de dous terzos dos votos das persoas asociadas colaboradoras, decidindo en caso de empate o voto de calidade da Presidencia do Clube.
Artigo 15.- Facultades da Asemblea Xeral Ordinaria
15.1. A Asemblea Xeral Ordinaria ten as seguintes facultades:
a) Ratificación do nomeamento das vacantes á Xunta Directiva.
b) Exame e aprobación dos orzamentos anuais, balances e informes de xestión.
c) Aprobación da xestión da Xunta Directiva.
d) Fixación das cotas ordinarias ou extraordinarias.
e) Acordo para o ingreso e separación en calquera Asociación, Federación ou Organización.
f) Expulsión de persoas membro, de forma xustificada, a proposta da Xunta Directiva.
g) Aprobación do Regulamento de Réxime Interno ou calquera outro regulamento que se considere necesario para un mellor funcionamento do Clube.
h) Aprobación do plan anual de actividades e a memoria do programa realizado.
i) Calquera outra facultade que non sexa da competencia exclusiva da Asemblea extraordinaria.
Artigo 16.- Facultades da Asemblea Xeral Extraordinaria
16.1. Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria a elección da Presidencia e da súa Xunta Directiva, a modificación dos Estatutos, a toma de cartos a préstamo, a emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, o alleamento de bens inmobles e a disolución do Clube.
CAPÍTULO V: A XUNTA DIRECTIVA E OS SEUS CARGOS
Artigo 17.- Natureza e composición da Xunta Directiva
17.1. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses do Clube de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral.
17.2. A Xunta Directiva está formada, polo menos, por unha Presidencia, unha Vicepresidencia, unha Secretaría, unha Tesoureira e dúas vogalías, que designará a Asemblea Xeral entre as persoas asociadas colaboradoras, en pleno uso dos seus dereitos civís que non estean incursos en motivos de incompatibilidade legalmente establecidos.
Artigo 18.- Duración e características do mandato da Xunta Directiva
18.1. O mandato da Xunta Directiva terá unha duración de catro anos, podendo ser reelixida tantas veces como sexa necesario e reunirase, polo menos, tres veces ao ano.
18.2. Os cargos da Xunta Directiva desempéñanse con carácter gratuíto, agás o abono de dietas e gastos que correspondan ao desempeño das súas responsabilidades.
18.3. As persoas membro da Xunta da Directiva estarán exentas do pago da cota social durante o período de tempo que desempeñen o seu cargo.
Artigo 19.- Convocatoria e constitución da Xunta Directiva
19.1. A Xunta Directiva convócase pola Presidencia, con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración.
19.2. A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría das persoas que a forman. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres das persoas que a forman e, en todo caso, da Presidencia.
19.3. A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída cando estean presentes todas as persoas que a forman, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.
Artigo 20.- Funcións da Xunta Directiva
20.1. Son funcións da Xunta Directiva as seguintes:
a) Dirixir a xestión do Clube, velando polo cumprimento dos seus fins sociais.
b) Elaborar o inventario, memoria e orzamento anual, que se someterá á aprobación da Asemblea Xeral.
c) Aplicar todas as medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Clube.
d) Designar a substitución das vacantes producidas na Xunta Directiva que deberá ratificar posteriormente a Asemblea.
Artigo 21.- Procedementos para a elección e substitución de persoas membro da Xunta Directiva
21.1. A elección das persoas membro da Xunta Directiva pola Asemblea Xeral realizarase mediante a presentación de candidaturas pechadas, ás que se lles permitirá a adecuada difusión, cunha antelación dun mes á celebración da correspondente reunión.
21.2. En caso de ausencia por enfermidade, renuncia ou cesamento de calquera persoa membro da Xunta Directiva, a Presidencia poderá substituíla provisionalmente no exercicio das súas responsabilidades e funcións por outra persoa asociada colaboradora, que deberá ratificarse na seguinte Asemblea Xeral. A substitución da persoa que ostente a Presidencia correspóndelle a quen exerce a Vicepresidencia.
Artigo 22.- Cesión das persoas membro da Xunta Directiva
22.1. As persoas membro da Xunta Directiva cesarán polos supostos seguintes:
a) Por ter esgotado o período do seu mandato.
b) Por renuncia expresa comunicada á Presidencia.
c) Por acordo da Asemblea Xeral.
Artigo 23.- A Presidencia
23.1. A Presidencia é o órgano executivo do Clube, posúe a representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno executando os acordos destes.
Artigo 24.- A Vicepresidencia
24.1. A persoa que ostente a Vicepresidencia substituirá na súa ausencia á persoa que ostente a Presidencia, orixinada por enfermidade ou calquera outra razón, coas mesmas atribucións.
Artigo 25.- A Secretaría
25.1. A Secretaría da Xunta Directiva coidará o arquivo da documentación, redactara cantos documentos afecte á marcha administrativa do Clube e levará o libro de actas.
Artigo 26.- A Tesourería
26.1. A persoa que ostente a Tesourería custodiará os fondos pertencentes ao Clube e dará cumprimento con ordes de pago que expida a Presidencia ou a Xunta Directiva.
Artigo 27.- As Vogalías
27.1. As persoas que ostenten algunha vogalía terán as obrigas propias do seu cargo como persoas membro da Xunta Directiva.
CAPÍTULO VI: RÉXIME DOCUMENTAL E FINANCEIRO
Artigo 28.- Obrigas documentais e contables
28.1. O CR Fendetestas disporá dunha relación actualizada das persoas asociadas. Así mesmo, levará unha contabilidade onde quedará reflectida a imaxe fiel do patrimonio, os resultados económicos, a situación financeira do Clube e as actividades realidades.
28.2. Nun Libro de Actas dixital recolleranse as correspondentes ás reunións que celebren os seus órganos de goberno e representación.
Artigo 29.- Recursos económicos
29.1. No momento da creación do CR Fendetestas, o patrimonio fundacional é material deportivo valorado en 1000 euros.
29.2. Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades do Clube son os seguintes:
a) As cotas sociais, periódicas ou extraordinarias.
b) As subvencións, legados ou herdanzas que puidera recibir de forma legal por parte das persoas asociadas ou de terceiras persoas.
c) As aportacións concertadas coas entidades patrocinadoras.
d) Os resultados económicos que poden producir os eventos deportivos que organice o Clube.
e) Calquera outro recurso lícito.
29.3. Queda expresamente exluído como fin do CR Fendetestas o ánimo de lucro. A totalidade dos seus ingresos e beneficios aplicaranse ao cumprimento dos seus fins sociais.
29.4. Considéranse entidades patrocinadoras as entidades públicas ou privadas que, mediante o acordo correspondente, realicen unha aportación económica ou doutro tipo pola que, a cambio, o CR Fendetestas se compromete a colaborar na publicidade e difusión da imaxe da entidade patrocinadora.
CAPÍTULO VII: REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUBE
Artigo 30.- Reforma dos Estatutos
30.1. Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous terzos das persoas asociadas colaboradoras asistentes.
30.2. A reforma destes Estatutos seguirá, con respecto ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.
Artigo 31.- Disolución do Clube
31.1. O CR Fendetestas extinguirase ou disolverase:
a) Por acordo de dous terzos das persoas asociadas colaboradoras en Asemblea Xeral Extraordinario, convocada a tal efecto.
b) Por sentencia xudicial.
c) Por outras causas legalmente determinadas.
En todo caso terá que ser notificado ao Rexistro de Entidades Deportivas.
Artigo 32.- Remanente do patrimonio social
32.1. Disolto o Clube, o remanente do seu patrimonio social, se o houbese, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia deportiva da Xunta de Galicia.
DISPOSICIÓN FINAL
O establecido nos presentes Estatutos entrará en vigor no mesmo momento no que sexan cumpridos todos os trámites legais para a súa aprobación.
D. Xosé Cendán Montero, na súa calidade de secretario do Clube de Rugby Fendetestas, fai constatar que os presentes Estatutos quedan redactados conforme as modificacións acordadas na Asemblea Xeral Extraordinaria, celebrada o 2 de outubro de 2020, a través da plataforma virtual Zoom.
En As Pontes de García Rodríguez, a 5 de outubro de dous mil vinte.
Podes descargar os Estatutos do CR Fendetestas aquí: Estatutos2020_Fende